Thursday 02 de May de 2024

Varias restricións ao paso e ao estacionamento por mor da VIII Carreira popular deste domingo en San Sadurniño


As probas desenvolveranse entre as 11 e as 13:00h, aínda que só a carreira absoluta obrigará a cortar algunhas pistas e a prohibir o estacionamento en certos puntos do seu trazado

A zona da Cortiña e varias pistas dos arredores do centro urbano de San sadurniño -incluso a beira dereita da estrada de Ortigueira- veranse afectadas na mañá deste domingo por restricións ao tráfico e ao estacionamento en distintos puntos por causa da celebración da oitava edición da Carreira popular. Iso si, só será entre as 11:15 e as 12:30h, aproximadamente, por ser nese intervalo cando vai desenvolverse a proba absoluta de 4,9 quilómetros.

Así, estará prohibido aparcar xa desde primeira hora da mañá na marxe dereita da pista que cruza Cornide e tamén na beira dereita da AC-862 en sentido Ortigueira, posto que o paso dos corredores e corredoras se fará polo arcén da estrada xeral desde Cornide até a Casa do Concello.

Ademais tamén se cortará o paso na estrada da Penamoura á altura do desvío para Cornide, no cruzamento da da Bidueda coa DP-7601 á altura das naves de Forestal Cando. Tamén permanecerá restrinxido o paso na pista que vai paralela ao arboreto da Cortiña, lugar de chegada e saída de todas as probas que contará nas inmediacións da área de servizos para autocaravanas con suficiente espazo habilitado para que público e deportistas deixen os seus coches.

Desde o Concello insístese en que non se deixen coches aparcados no eixo que baixa desde a parte alta de Cornide até a estrada de Ortigueira (á altura do cruzamento que vai á depuradora e A Portela), nin tampouco no tramo comprendido entre ese punto e a casa consistorial, de cara a previr que as persoas participantes na carreira se metan na calzada, que non terá o tráfico cortado.

A este respecto prégaselles ás e aos deportistas que estacionen no campo situado entre o Centro de Día e a área de Autocaravanas, ou que empreguen o aparcadoiro do Centro Municipal de Empresas e as beiravías do centro urbano.

Segundo o regulamento, os dorsais para a Carreira Absoluta poderán recollerse na Cortiña entre as 9:10 e as 11:15h, mentres que para as categorías inferiores deberán retiralos 40 minutos antes de cada carreira. O programa horario é o seguinte:

11:00h Sub 14 masculino e feminino – 900 m de percorrido
11:30h Carreira absoluta – 4,9 km – desde Sub 16 ata Máster 55, masculino e feminino
12:30h Sub 12 masculino e feminino – 600 m de percorrido
12:45h Sub 10 masculino e feminino – 300 m de percorrido
13:00h Peques – 60 m de percorrido
Ao remate de cada proba haberá avituallamento líquido e sólido na carpa instalada no recinto e tamén servizo de fisioterapia para tonificar a musculatura ofrecido pola clínica local Fisio-Che Ben. Durante a mañá permanecerán abertas as duchas do pavillón polideportivo municipal. A entrega de trofeos para as persoas ganadoras en cada categoría comezará sobre as 13:30h.